Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Riveira subastará un lote de 26 vehículos declarados abandonados


 

A poxa terá lugar o día 17 de novembro no depósito municipal

 

Tal e como aparece no BOP, o Concello de Riveira anuncia a próxima subasta de 26 vehículos que están declarados abandonados e que se atopan na vía pública ou almacenados no depósito municipal.

No devandito boletín oficial aparecen referenciados os titulares destes vehículos.

Os vehículos irán destinados a material non utilizable. O sistema de adxudicación será de poxa plana, non admitíndose posturas inferiores aos 500 euros por todos os vehículos.

A subasta celebrarase no depósito municipal situado no polígono de Xarás, ás 10 horas do décimoquinto hábil a partir de mañá, e se resultase sábado celebraríase ao seguinte día hábil (é dicir, a data queda fixada para o 17 de novembro).

 

Xestores de residuos

A forma de poxar os vehículos será nun único lote, e só poderán licitar aquelas persoas que se atopen de alta no imposto de actividades económicas e estean autorizadas pola Xunta de Galicia como Xestores de Residuos de Vehículos ao final da súa vida útil (Centro Autorizado de Tratamento Vehículos para a súa posterior destrución e descontaminación), o que deberán acreditar no momento da poxa.

Os adxudicatarios dispoñen dun prazo de 48 horas a partir da poxa para satisfacer en efectivo o prezo de remate e retirar os vehículos.